Monday 13 de May de 2024

A Policía Local de Ribeira inicia unha campaña para o cumprimento da normativa sobre a recollida de excrementos de animais domésticos


A Policía Local de Ribeira comeza unha campaña enfocada no cumprimento da actual normativa sobre a recollida de excrementos de cans e outros animais domésticos no municipio. Segundo afirma o rexedor, Luís Pérez, “o propósito desta iniciativa é promover unha contorna limpa e saudable para tódolos residentes e visitantes de Ribeira, así como garantir o benestar das nosas mascotas.”

Segundo a normativa vixente; as persoas propietarias ou posuidoras de animais teñen a obriga legal de recoller os excrementos que os animais depositen. A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía supón unha infracción administrativa tipificada no artigo 38.i) da Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, podendo ser sancionada con apercibimento ou sanción económica.

Deste xeito; lémbrase aos cidadáns a importancia de recoller os excrementos dos seus animais e depositalos nos contedores correspondentes; e farase fincapé na aplicación de sancións económicas en caso de incumprimento.